martes, 21 de novembro de 2017


 OS INCENDIOS


1.INTRODUCIÓN

Benvidos a esta novo proxecto de investigación e coñecemento.

O noso planeta está nun grave perigo.

Os efectos tremendos do “Quecemento Global”van ser devastadores se non lle poñemos remedio…

Pero para poder axudar a salvalo é necesario que coñezamos os perigos que o acechan.

Na   seguinte Unidade  Didáctica trataremos o tema dos incendios forestais dende unha visión social e crítica da  educación.
O  obxectivo é  emancipar  e descubrir  por parte dos nosos alumnos a realidade do que acontece no noso  entorno cos  incendios.

Así que ánimo….e imos pórnos mans á obra!!! 



SESIÓN 1. QUE  SABEMOS? 

Escoitamos  e cantamos    a canción  titulada : O CEO.
(Farémolo ao final de cada sesión)

Observamos atentamente as fotografías da portada do caderno e da introducción do tema e a partir delas verbalizamos as nosas  Ideas previas

Lemos  as seguintes preguntas e pensamos as súas respostas:

Que acontece antes  e  despois dun incendio?

Cales son  as causas dos incendios, que efectos ecolóxicos, socioeconómicos producen?

Que podemos facer para que esta praga desapareza?

En asamblea reflexionamos sobre as preguntas que acabamos de ler.

En papel continuo anotamos as nosas respostas e deixámolas expostas no taboleiro de cortiza adicado ao proxecto.

SESIÓN 2. SAÍDA PEDAGÓXICA.

Faremos unha saída ao entorno próximo a observar en situ o desastre ecolóxico que producíu a vaga de lumos do pasado mes de outubro.
Cada equipo levará unha cámara de fotos e un caderno de campo. Faremos fotografías só á paisaxe e anotaremos todo o que nos vaia parecendo interesante das diferentes charlas que nos dará Luís.
Sairemos da escola ás 10,00 da mañá cara ao monte de Moreira, para realizar una visita guiada polo entorno a cargo do mestre Quico e Luís. Ao remate faremos un roteiro ata o Castelo de Soutomaior, onde poderemos observar o bosque do mesmo.
Nel pódense atopar preto de 200 especies botánicas (algunhas con máis de oitocentos anos de antigüidade)coma:  abetos e piceas, camelias , castiñeiros, laranxeiras, magnolias, plátanos, acivros,alciprestes (Cupressus spp.), abetos de douglas (Pseudotsuga menziesii), criptomeria ou cedro xaponés (Cryptomeria japonica), alciprestes de Lawson (Chamaecyparis lawsoniana), cedros do incenso de California (Calocedrus recurrens), carballos, araucarias, e sequoias, inclusive doce exemplares doCatálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, e multitude de especies de fentos ou plantas florais como a hortensia.
En 2012, no transcurso do Congreso Internacional da Camelia celebrado en Chuxiong, China, foi declarado Xardín de Excelencia Internacional, o único de España. En Europa so hai seis máis.

Aproximadamente ás 13,30 horas, regresaremos á escola. 


Escomenzamos a traballar na aula o guión será o seguinte:

1.     Visionado das diapositivas de  Xesús  Pereira  López.

2.    Presentación de noticias e  vídeos  coa finalidade de lembrar que información ten o alumnado do tema.

3.    Reflexionaremos en asamblea e  sacaremos  conclusións.

4.     Establecer hipótesis de traballo buscando información por grupos, percurando darlle un valor engadido ao tema, xa  que son os nenos os que xeran información.

5.    Presentación dos contidos propostos.

6.    Conclusións  sobre as causas dos incendios  e  formas de actuar ante unha situación de risco.


    Traballaremos, a partir da realización de distintas actividades e tarefas.


 SESIÓN 3.

Observamos o seguinte  mapa de  Galiza  e  arredores  para que sitúedes os focos dos incendios que imos traballar.


 Agora observaremos este mapa do concello de Soutomaior   e  arredores  de  Pazos  de Borbén  e  Ponte  Caldelas.

Tedes que sinalar  por onde ardeu. Lembrade a información que vos deu Luís.



SESIÓN 4

 Le o seguinte texto, lectura individual e silenciosa. Técnica de lectura compartida.

O  pasado  verán, ata últimos  de setembro, tanto  en Galiza coma no norte de Portugal, non parou de arder.
Aos meus amigos da escola  que viven nos lugares  de  Moreira, Cortellas e  Aranza, zonas rurais do  noso  concello de Soutomaior, case  se quedan  sen  casa, e disque pasaron moito medo, tanto polo lume  como do fume, que non os deixaba respirar, queredes saber o que lles aconteceu?

Pois que prendeu lume  no monte do Galleiro, e co vento  do sureste, e do calor que ía, máis  os  eucaliptais e piñeirais que había no monte fixeron que  o incendio collera unhas  dimensións e quedou  fóra de control. O  lume  foi chegando ao noso concello até perto das casas. Metía medo.

Foi  arredor das 10  da noite, xa algúns veciños se deitaran a durmir e de súpeto, escoitáronse  berros de auxilio, estaban ardendo os montes comunais dos nosos vecinos  e o incendio viña coma un cabalo desbocado cara as casas, axiña se ergueu todo o mundo e puxéronse mans a obra, tratando de deter o lume, con caldeiros de auga, mangueiras, batelumes, xestas, etc.

Houbo  veciños que chamaron  ao número de emerxencias que a Xunta  dispón nestes casos, mais estaban sobrepasados de traballo os equipos de extinción, e a xente loitou soíña.

Moreas de vecinos dos concellos limítrofes viñeron a botar unha man, o máis importante era arredar  o lume  das casas. Como non,  fixéronse  cadeas humanas, e caldeiro vén ,caldeiro vai, foron tornando do lume.

A  pesar  das labaradas inmensas que se aproximaban a xente foi quen de salvar as súas casas. Porén queimáronse dous veciños de gravidade, e arderón pendellos, galpóns e veigas con viñas ao redor das casas, máis todo quedou nun gran susto.

Ogallá non aconteza máis!


 Elabora  preguntas para unha boa lectura comprensiva do texto:
1.-
2.-
3.-
4.-
Facémosnos as preguntas uns a outros, nun roldo de preguntas.

SESIÓN 4.

ACTIVIDADE DE INVESTIGACIÓN

·         En  que dous lugares da Península Ibérica está ardendo moito? 
·         Onde aconteceu  este incendio? Nunha aldea, nunha vila, nunha cidade?
·         Na vida  do día a día, para que se utiliza o lume? Pensa na túa casa.
·         Reflexiona no bo uso do lume e no mal uso.
·         Fai unha enquisa na casa e entre os teus vecinos, para que che digan as causas do lume?
·         Cantos litros poden  levar e o que custan os helicópteros e os avións contraincendios? 
Investiga.
 SESIÓN 5.
Observa con atención as seguintes fotografías.



Consensuamos as respostas no equipo, temos que pórnos de acordó e dar tod@s a mesma resposta.

Facemos unha posta en común coas respostas dadas. Chegamos a acordos.

Pasamos a información ao papel continuo do taboleiro de cortiza.

Comparamos as respostas dadas o 1º día coas dadas agora.

SESIÓNS 6, 7, 8 e 9.

Buscade a información  por grupos, logo faremos unha exposición do preparado na aula.

GRUPO 1. BUSCA  AS  CAUSAS ESTRUTURAIS  DOS INCENDIOS.

GRUPO 2.AS  VARIABLES  ECOLÓXICAS  E CLIMÁTICAS  DOS INCENDIOS.

GRUPO 3.   AS CAUSAS MÁIS   PRÓXIMAS.

GRUPO 4. OS  EFECTOS ECOLÓXICOS DUN INCENDIO.

GRUPO 5  OS EFECTOS ECONÓMICOS  E SOCIAIS.

 PROCESO DE TRABALLO

Traballaremos agrupados cos mesmos grupos da aprendizaxe cooperativa, na que xa temos designados o  coordinador/a, o/a portavoz e o secretario/a, controlador/a de voz e tempo.

  Seguindo o guión, buscaremos INFORMACIÓN  e anotaremos o importante nun archivo  Word.

SELECCIÓN da información que sexa relevante para facer o traballo.

 ORGANIZACIÓN da información que seleccionamos para dar coherencia ao contido.

 MONTAXE da información nun PowerPoint, con textos, dibuxos, fotografías e todo o que sexa necesario.

Lembrade que tedes que facer unha exposición ao resto do grupo-clase.

  Deberedes  elaborar primeiro  un documento de Word e posteriormente unha presentación en Power Point para vosos/as  compañeiros/as, onde se recollan os aspectos que consideredes de interese sobre os INCENDIOS.

Trátase, en definitiva, que cada grupo expoña o resto do grupo-clase a información recollida.

 E esta información ten que ser clara, sinxela e entendible por todos.

 SESIÓN 10 e 11.
Visionamos videos de incendios de Galicia.


Cos   grupos de traballo cooperativo realizamos murais e buscamos información.

 1º) Que  relación pensades que hai entre os incendios e as fortes avenidas de auga, en certos anos, en diversas zonas de Galiza? Que  lle acontece aos nosos ríos e rías?

 2º) E  que lle acontece aos nosos montes ao arder moitas veces consecutivas, ademáis da erosión, e da difícil recuperación do monte…?

 3º) Que relación hai  entre  incendios e  cambio climático?

4º) Como  se poden previr os incendios?Quizais campañas de concienciación, educar dende a escola….?

 5º) Pensades que hai intereses detrás dos incendios? Como credes que se podían evitar os incendios?

SESIÓN 12, 13 e 14.

Fará  cada  grupo  un mural ( composicións libre), pódese  utilizar  as técnicas plásticas que desexen, collage, debuxo artístico, etc.   acompañarano  cun  slogan  de esperanza para os nosos montes e a información que tiveron que recompilar nas sesións 10 e 11.

 ORGANIZACIÓN da información que seleccionamos para dar coherencia ao contido.

 MONTAXE da información nun PowerPoint, con textos, dibuxos, fotografías e todo o que sexa necesario.

Lembrade que tedes que facer unha exposición ao resto do grupo-clase.

  Deberedes  elaborar primeiro  un documento de Word e posteriormente unha presentación en Power Point para vosos/as  compañeiros/as, onde se recollan os aspectos que consideredes de interese sobre os INCENDIOS.

Trátase, en definitiva, que cada grupo expoña o resto do grupo-clase a información recollida.

 E esta información ten que ser clara, sinxela e entendible por todos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario